Páxinas

05/04/20

AVES DENDE A CASA

A deputación de Pontevedra, en colaboración con SEO/BirdLife, puxo en marcha a acción #AvesDesdeCasa, unha iniciativa de sensibilización medioambiental para facer máis levadíos os días de confinamento pola COVID-19. 

Esta acción propón crear en familia un "caderno de campo" no que a cativada pode debuxar as especies observadas desde as fiestras, así como compartilo a través de redes sociais co hashtag
 #AvesDesdeCasa. 



Para facilitar a observación, a institución provincial editou unha lámina ilustrada para coñecer as especies máis comúns que se poden observar nestas datas na provincia de Pontevedra.

Na lámina facilitada pola Deputación inclúense as especies máis habituais nestas datas como son os pardais comúns, as rulas turcas, gaivotas de patas amarelas, pombos torcaces, merlos comúns, paporrubios comúns, lavandeiras brancas, estorniños negros anduriñas comúns e cirrios comúns.
Este caderno de campo, que debe incluír a data de observación, a hora, condicións climáticas e aves identificadas, pódese elaborar en familia, implicando ás nenas e nenos para que debuxen as especies observadas e as compartan a través de redes sociais empregando o hasthag #AvesDesdeCasa.

Está demostrado que a conexión coa natureza ten un papel importante no benestar mental das persoas, facendo que se sintan máis relaxadas e tranquilas. 
Nestas datas de comezo de primavera as aves manteñen unha intensa actividade, ben por cuestións reprodutivas ou ben pola delimitación do seu territorio. Así, mediante a acción #AvesDesdeCasa a cidadanía pode gozar da natureza sen saír da casa, xa que, debido ao confinamento e á escasa actividade humana, as aves  están a ocupar as rúas e prazas das vilas e aldeas, o que fai posible escoitalas e observalas en maior medida. Ademais, a través desta actividade ponse en valor a importancia das aves como bioindicadoras da calidade de vida, pois está demostrado que os contornos que albergan un gran número de aves son máis saudables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario